A Xunta de Galicia outorga axudas extraordinarias de 2,5M€ para emigrantes retornados

Galicia | O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de 2026 das axudas extraordinarias a persoas emigrantes retornadas, dotada cun crédito inicial de 2,5 M€ —que se poderá reforzar segundo a demanda— e coa que se estima apoiar unhas 1.000 familias. As persoas interesadas poderán solicitalas a partir de mañá e o prazo de presentación prolongarase ata o 30 de setembro de 2026.

Estas achegas extraordinarias ao retorno encádranse no paquete de medidas da Estratexia Galicia Retorna e son un recurso fundamental, xa que permiten cubrir necesidades iniciais como o establecemento de persoas e familias emigrantes retornadas que deciden fixar a súa residencia en Galicia, axudando á súa integración na comunidade. Neste sentido, poden beneficiarse delas as persoas retornadas galegas nacidas en Galicia e os seus descendentes e os cónxuxes ou parellas de feito. Para iso, deben ter residido fóra de España un mínimo de dous anos antes do retorno e o retorno debe terse producido desde o 1 de xaneiro de 2024 en diante.

A axuda máxima por unidade familiar é de 6.000 euros, incluíndo, ademais dos apoios de carácter xenérico, un específico para as familias con fillos menores de idade que se establezan en Galicia, cun importe de 1.000 euros por fillo ata o segundo fillo, e de 1.500 euros a partir do terceiro, cun incremento do 25 % no caso de que a familia resida nun concello rural. Tamén se inclúe unha axuda de 500 euros por unidade familiar destinada a facer fronte aos gastos derivados das primeiras xestións necesarias para garantir o acceso a unha vivenda.

Apoio integral ás persoas retornadas
Cómpre destacar que desde 2018 xa se beneficiaron destas axudas arredor de 7.000 familias. Por procedencia, as familias son orixinarias de máis de 60 países sendo Venezuela, Cuba e Arxentina os países predominantes. En relación coas características dos solicitantes, un 54% das persoas beneficiarias son mulleres e nas últimas convocatorias detéctase unha tendencia á alza de persoas retornadas máis novas.

Ademais, o orzamento da orde incrementouse de maneira progresiva nos últimos anos —nesta ocasión cun aumento de 200.000 euros— como resposta ao elevado volume de solicitudes, o que confirma que Galicia se consolida como terra de oportunidades e atracción de talento, clave para a fixación de poboación, especialmente no rural, e para a cobertura de vacantes laborais.

Esta tendencia vese reflectida tamén nos últimos datos da Estatística de Migracións e Cambios de Residencia de 2024 do Instituto Nacional de Estatística (INE), que evidencian a consolidación das cifras históricas de retorno, con preto de 8.500 persoas procedentes do exterior que regresaron a Galicia —o 85 % menores de 65 anos e o 57 % menores de 45—, así como un saldo migratorio histórico de 30.325 persoas.
As axudas publicadas hoxe complementan outros incentivos dirixidos a este colectivo, como os programas de apoio ao emprego por conta allea, como o Retorna Cualifica Emprego, a liña de emprendemento para aqueles que optan polo autoemprego, as Bolsas BEME para a atracción de talento cualificado, actualmente abertas, así como o acompañamento permanente que prestan ao longo de todo o proceso as Oficinas de Retorno, tanto as fixas como a móbil.

Ligazón á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260129/AnuncioG0767-080126-0001_gl.html

Deixa unha resposta

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!