Uruguai será protagonista en xornada informativa en Ribadeo

Galicia | A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) organiza para o vindeiro venres 27 de xuño a xornada – país “O Mercado da República Oriental de Uruguai”, no marco das actividades que a entidade está poñendo en marcha co apoio da Deputación de Lugo nos exercicios 2024 e 2025.

A xornada, que terá lugar en horario de 17:00 a 18:30 horas no Real Club Náutico de Ribadeo, contará coas achegas de Ramiro Rodríguez, Cónsul Xeral de Uruguai en Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco, e a experiencia de Antea Group neste mercado e outros de América do Sur nos que ten presenza (a través de Fernando Illanes, o seu director xeral para España e Latinoamérica).

Este encontro organízase como de introdución a unha misión empresarial a Uruguai e Arxentina que a CEL está a organizar, tamén co apoio da Deputación de Lugo, para despois do verán.

Uruguai
A CEL resalta que a República Oriental de Uruguai é un país democrático caracterizado pola moderación e a estabilidade política. Distínguese pola súa paz social, baixos niveis de desigualdade e alta calidade de vida, chegando a ser cualificada como a “única democracia plena de América do Sur” pola última edición do Democracy Index 2024, publicada polo grupo británico The Economist.

Coa súa solidez institucional e a súa localización estratéxica, Uruguai ofrece grandes atractivos e oportunidades de investimento, e un acceso privilexiado a un mercado de 600 millóns de persoas en América Latina. Ademáis, España ten vixente un APPRI (1994) e un Convenio para evitar a Dobre Imposición (2011) con Uruguai, e sectores con investimento afianzado no país como enerxías renovables e infraestruturas, incluíndo ferroviarias, estradas e portuarias; telecomunicacións, turismo, banca e servizos financeiros.

Máis info e inscricións
A xornada, especialmente dirixida a empresas de Lugo con interese en acceder a novos mercados en Latinoamérica, é de entrada libre pero con prazas limitadas, polo que é necesario formalizar inscrición previa a través da web da CEL, www.cel.es, ou chamando ao 982 23 11 50.

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!