Xunta de Galicia rubrica convenio laboral con Colombia, Honduras, Ecuador e Paraguai

Madrid | O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González; da directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado; e do director da Casa de Galicia en Madrid, Luis Ramos, presidiu hoxe o acto de firma dun documento cos embaixadores de Colombia, Honduras, Ecuador e Paraguai, que recolle a vontade de colaboración en materia de emprego, formación e atracción de talento exterior.

A través deste documento, Galicia plasma a súa vontade de traballar con países hispanoamericanos en facilitar pontes de oportunidades para o talento e axudar a dar resposta a retos como a falta de man de obra en sectores estratéxicos, á vez que se crean valiosas sinerxias entre territorios. O obxectivo, segundo destacou Rueda, é dar o primeiro paso nunha folla de roteiro que arrincará este ano e estará dirixida a favorecer de forma ordenada a incorporación de traballadores de terceiros países ao mercado laboral galego. Búscase pechar un procedemento tutelado desde o inicio, onde participen as administracións de orixe e de destino do traballador así como as empresas galegas con necesidade de incorporar talento e que poderán realizar ofertas de contratación nos países de orixe dos traballadores migrantes.

O presidente remarcou que Galicia leva anos apostando por unha estratexia sólida para casar oferta e demanda no mercado de traballo, pero lembrou que hai que seguir traballando para dar resposta ás necesidades actuais das empresas. Nesta liña, destacou que este acordo súmase ás medidas implementadas para atraer traballadores cualificados e que complementan, sempre atendendo ás recomendacións da Unión Europea, á ampla batería de accións xa en marcha dentro do noso territorio para reter talento e potenciar as oportunidades laborais dos galegos e galegas.

O programa de atracción de talento da Xunta conta, dunha maneira prioritaria, con medidas destinadas aos galegos e galegas do exterior -a través da Estratexia Galicia Retorna- e complétase coa colaboración con terceiros países para promover accións en orixe. Esta última, unha nova liña de actuación baixo a que queda enmarcado este documento pioneiro entre Galicia e catro países hispanoamericanos.

Claves da reunión
Co paso dado hoxe, búscase activar entre cada administración asinante e Galicia, mecanismos que faciliten a migración laboral dos seus traballadores nacionais no marco das políticas activas de emprego, que é unha competencia exclusiva da comunidades autónomas.

Tamén abrir vías de acceso ás oportunidades de emprego en Galicia para cidadáns dos Estados que hoxe asinan este documento, ademais de reforzar a colaboración entre administracións para mellorar a formación, capacitación, cualificación e empregabilidade das persoas traballadoras migrantes. Incluso contemplando, a través deste manifesto, formación en orixe.

Ademais, a Xunta busca desenvolver mecanismos que faciliten a homologación de títulos académicos e certificacións dos profesionais destes países que decidan traballar na comunidade. Do mesmo xeito, o Executivo autonómico seguirá traballando para axilizar os permisos de residencia e de traballo dos nacionais de terceiros países e poder habilitar -a pesar de que se trata dunha competencia estatal- un proceso que reduza os prazos para obter esta documentación.

Rueda insta a poder “axilizar” os trámites para facilitar a incorporación “con garantías” de traballadores doutros países ao mercado laboral galego e asegura que a Xunta estudará os pasos para seguir no caso de que non se mellore a xestión destes procedementos.

Deixa unha resposta

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!