
Arxentina | A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, viaxa estes días a Arxentina para afondar as relacións coa colectividade galega, que nestes momentos vese moi prexudicada polas políticas de recortes que está desenvolvendo o presidente arxentino, Javier Milei, que inclúen unha terrible reforma laboral. “Preocúpanos moito a situación que vive nestes momentos a colectividade galega en Arxentina, moi prexudicada polas políticas de ultradereita que desenvolve Milei, o amigo do PP”.
Neste sentido, a responsable de relacións internacionais do BNG desenvolverá unha intensa axenda que inclúe a visita a diversos centros, como a Federación de Asociacións Galegas da Arxentina, o centro Betanzos, o centro galego de Avellaneda e o centro Galicia, e manterá un encontro con integrantes da Cátedra de Estudos Galegos Castelao da Universidade de Bos Aires e con diversas personalidades da colectividade galega en Bos Aires.
A defensa dos dereitos humanos e a memoria histórica configuran outro dos eixos das xornadas de traballo que desenvolverá Ana Miranda en Arxentina. Así, a eurodeputada galega participará en diversos actos relacionados coa memoria histórica, entre os que destaca unha conferencia xunto ao profesor e premio Nobel da Paz, Adolfo Pérez Esquivel, que terá lugar na Federación de Asociacións Galegas de Arxentina.
Verdade e xustiza
Neste eido, a eurodeputada galega tamén manterá un encontro con Taty Almeida, unha das fundadoras das Nais de Praza de Maio-Liña Fundadora. Precisamente Ana Miranda será entrevistada por Taty Almeida no seu programa de radio “Que me contás”, que se sumará ao resto de intervencións programadas en distintos medios de comunicación. Estes actos relacionados coa memoria histórica e a defensa dos dereitos humanos culminarán coa participación de Ana Miranda na Ronda vixilia con Madres Liña Fundadora e na Marcha do 24 de marzo polo Día Nacional da Memoria pola Verdade e a xustiza, que recorda o golpe de Estado de 1976 e o inicio da ditadura cívico-militar en Arxentina que mediante o terrorismo de estado provocou a desaparición de máis de 30.000 persoas. “É fundamental seguir loitando pola verdade e a xustiza”, subliña Ana Miranda sobre unha data tan simbólica en Arxentina como é o 24 de marzo.
Por outro lado, o novo acordo entre a Unión Europea e o Mercosur tamén será abordado en diferentes actos nos que participará Ana Miranda, nos que a eurodeputada do BNG explicará as consecuencias deste tratado no sector agrogandeiro galego. Neste sentido, a axenda inclúe unha reunión con parlamentarios e parlamentarias de Parlasur -que integran tamén a Asemblea Paritaria Eurolat, formada polos parlamentos latinoamericanos e o Parlamento Europeo, da que Miranda é vicepresidenta terceira. Tamén nesta liña, a eurodeputada galega ofrecerá unha conferencia no Instituto Patria, na que tamén se tratarán as consecuencias do acordo EU-Mercosur e na que así mesmo intercambiará impresións co deputado Franco Metaza sobre o respecto á soberanía dos pobos.
