
México/BNG | A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, participa como vicepresidenta terceira de Eurolat nunha viaxe de nove eurodeputadas e eurodeputados a México co obxectivo de analizar a aplicación do Acordo Global coa Unión Europea e reforzar as relacións bilaterais, nun contexto xeopolítico de incerteza e cando México e Europa sofren ataques a cotío do presidente dos Estados Unidos, Donald Trump.
“Debemos garantir que tódalas persoas na Unión Europea, en México e no mundo poidan vivir en paz, con seguridade e dignidade”, pediu Ana Miranda nun discurso pronunciado no Senado mexicano, onde fixo un chamamento “a defender a democracia, porque é a defensa da soberanía nacional e do respecto dos pobos”.
O impulso no respecto dos dereitos humanos xunto coa igualdade de xénero, así como unha análise da cuestión migratoria son tamén cuestións importantes na axenda da delegación do Parlamento Europeo. Precisamente, a eurodeputada do BNG é a representante europea que interviu no Senado mexicano nun debate sobre Democracia, Migración e Xénero.
“Fronte ao movemento reaccionario e de extrema dereita en Europa, en Latinoamérica e a nivel internacional, fronte aos ataques contra o multilateralismo, México e a súa Presidenta son unha esperanza para o mundo”, celebra a Ana Miranda, “cunha forma de facer política humanista e firme, atendendo as necesidades do pobo e defendendo a soberanía.”
A misión avalía o Acordo Global bilateral, a protección dos dereitos humanos ou os avances na igualdade de xénero.
A representante do Bloque mantén este xoves e venres encontros con representantes da sociedade civil e organizacións en prol dos dereitos humanos, con especial atención á defensa das mulleres e contra a violencia de xénero ou na memoria dos desaparecidos en México, como foi o caso de Ayotzinapa. Ana Miranda tamén se reune co equipo internacional de Morena, o partido da presidenta Claudia Sheinbaum.
A loita contra o crime organizado e o tráfico de drogas está tamén na axenda de traballo da misión parlamentar. A Eurocámara vén de aprobar unha resolución contra o narcotráfico nas augas europeas, co respaldo de Ana Miranda, que cualifica como estratéxica a cooperación reforzada con Latinoamérica e o Caribe sobre a seguridade marítima.
O recente Acordo Global asinado coa Unión Europea sobre relacións políticas e económicas, pendente de ratificación, tamén é avaliado pola delegación parlamentar na que participa a eurodeputada do BNG. Europa e México manteñen uns intercambios anuais en bens e servizos de 100.000 millóns de euros. Preto de 200 empresas galegas participan de xeito regular desta relación comercial. Ana Miranda manterá tamén un encontro coa comunidade galega e descendentes da nosa emigración.
