
Brasil | O titular do Goberno autonómico, Alfonso Rueda, presidiu esta mañá o XIV pleno do Consello de Comunidades Galegas -que se clausurará mañá- e do que sairá elixida a súa nova Comisión Delegada. Alí agradeceu o labor das entidades que a conforman á hora de recoller e atender as necesidades da comunidade galega no exterior, así como difundir a cultura e lingua propias.
Deste Plenario sairá unha nova Comisión Delegada, composta por 13 entidades de España, Europa e América, coa misión de traballar polos intereses das persoas galegas na diáspora durante os vindeiros tres anos. Ademais, no acto foron homenaxeados catro galegos pola súa contribución a estreitar lazos entre Galicia e O Brasil. Os recoñecidos son a presidenta da Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mútuos e Instruçao, María Dolores Daparte; o presidente da Sociedade de Socorros Mútuos e Beneficiente Rosalía de Castro, Casto Vieites; a expresidenta da asociación Recreo de Anciáns da Vellez Desamparada, Regina Jallas; e a voluntaria e colaboradora da Asociación Cultural Hispano-gallega Caballeros de Santiago, de Salvador de Bahía, Lourdes Valencia.
Coa asistencia a este pleno, Rueda remata a súa viaxe ao Brasil, onde residen máis de 53.000 persoas galegas, o que sitúa a este país como o segundo coa maior comunidade galega no exterior, só por debaixo da Arxentina.
Enriquecer a Estratexia Galicia Retorna
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, destacou hoxe o papel da nova Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas para enriquecer a próxima folla de ruta da Estratexia Galicia Retorna, logo de consolidar o regreso a Galicia de preto de 50.000 persoas galegas desde 2018. Así o expuxo durante a clausura do XIV Pleno do Consello de Comunidades Galegas, celebrado onte e hoxe na Casa de España en Río de Xaneiro, e onde estivo acompañado polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda e polo secretario xeral da Lingua, Valentín García.
Precisamente, o retorno é un dos catro piares nos que se basea o labor deste órgano colexiado de representación permanente das persoas galegas residentes fóra de Galicia, composto por 13 entidades galegas no exterior. Outro piar ao que aludiu o conselleiro é a galeguidade, ámbito no que a Comisión Delegada será clave para axudar ao Goberno galego a sentar as bases da nova Lei de Galeguidade, co fin de que vaia máis aló da preservación da memoria e abarque a dimensión socioeconómica e de talento do exterior como motor de desenvolvemento.
A isto súmase o eixo social, no que este órgano é unha rede de axuda para asegurar que o apoio da Xunta chegue a todas aquelas persoas galegas do exterior que o necesiten. O cuarto piar do labor da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas é a cultura e a lingua e nesta materia o ente traballará para desenvolver novos mecanismos de difusión do idioma e para adaptar a súa ensinanza á era dixital e á intelixencia artificial.
José González tamén tivo palabras de agradecemento ao traballo realizado pola Comisión Delegada saínte, desde as súas entidades, nos últimos tres anos. Ademais, animou a todas as persoas asistentes a esta cita a visitar Galicia o vindeiro ano Xacobeo 2027 e a participar no Día da Galicia Exterior.
