
Brasil | O XIV Pleno do Consello de Comunidades Galegas concluíu os seus traballos en Río de Xaneiro poñendo de manifesto que a galeguidade é unha realidade que vai moito máis alá das fronteiras xeográficas. As conclusións do relatorio específico sobre esta materia determinan a necesidade de impulsar unha reforma da Lei da Galeguidade, que recoñeza a Galicia global do século XXI e constrúa un marco de relación adaptado aos novos tempos.
A futura reforma normativa mirará ao futuro sen romper co pasado, preservando o inmenso legado de esforzo das sociedades de emigrantes e dos centros galegos. Neste eido, sinálase que a modernización da lei debe ofrecer flexibilidade, recoñecer a diversidade actual das entidades e facilitar a incorporación de novas persoas, revisando cuestións normativas como o cómputo dos socios colaboradores.
Destacouse tamén a necesidade de darlle á historia da emigración o recoñecemento que merece no ensino galego. As conclusións instan a reforzar esta realidade no currículo educativo, para que as novas xeracións coñezan a dimensión real da diáspora e a súa contribución á construción da Galicia actual, materializada historicamente en numerosas obras filantrópicas e de instrución.
Finalmente, o documento sitúa á mocidade como a clave da nova Lei da Galeguidade. Para garantir a supervivencia das entidades, establécese a necesidade de abrir novas canles dixitais e presenciais, utilizando o deporte, a música e a cultura como pontes interxeracionais que ofrezan espazos atractivos para que mozos e mozas manteñan vivo o vínculo coa súa orixe, mediante un compromiso institucional estable e de longo percorrido.
Pola súa banda, o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, tomou a palabra na apertura do XIV Consello de Comunidades Galegas celebrado en Río de Janeiro, un encontro de especial relevancia para toda a emigración galega e que é a primeira edición acollida en Brasil e a cuarta que ten lugar no exterior. Durante o seu discurso inicial, Miranda situou a galeguidade como unha rede universal sen fronteiras e puxo en valor o papel esencial do movemento asociativo na preservación da identidade e a memoria compartida.
Entre 2018 e 2024 regresaron á comunidade preto de 50.000 galegos, un fito apoiado pola consolidación das Oficinas Integrais de Asesoramento
O secretario sinalou que o eixe central da xestión dos últimos anos foi a consolidación das políticas de regreso, evidenciando que o retorno deixou de ser un desexo para converterse nunha realidade estrutural. Entre 2018 e 2024 regresaron á comunidade preto de 50.000 galegos, un fito apoiado pola consolidación das Oficinas Integrais de Asesoramento, que superaron as 40.000 consultas atendidas neste período. Puxo en valor o éxito de iniciativas laborais como Retorna Cualifica Emprego e, de maneira especial, o décimo aniversario das bolsas BEME, que xa permitiron a 2.000 mozos formarse en Galicia, cun 85 % deles quedando a residir na comunidade.
No ámbito da acción social, ratificou o compromiso da Xunta cunha “solidariedade sen fronteiras”, mantendo activa unha sólida rede de axudas individuais con especial sensibilidade cara aos maiores e ás familias en situación de vulnerabilidade. Como exemplo da capacidade de resposta rápida, destacou o millón de euros mobilizado e as máis de 200 familias axudadas tras os terremotos de Venezuela, un esforzo que se suma ás axudas extraordinarias ao retorno —de ata 6.000 euros por unidade familiar— e ao éxito do programa Reencontros con Galicia, que este ano bateu a súa marca con máis de 200 participantes.

O secretario xeral tamén dedicou agradeceu o seu traballo ás trece entidades que conformaron a Comisión Delegada durante o período 2023-2026, poñendo en valor o seu esforzo e compromiso desinteresado, destacando que foron a voz viva da Galicia exterior e o enlace indispensable que mantivo á Administración en contacto permanente coas necesidades reais da colectividade entre o anterior pleno de Ourense e a actual cita no Brasil.
E finalizou transmitindo o seu desexo de que estes días de traballo en Río sexan moi fructíferos, e que sirvan para compartir experiencias e acadar conclusións comúns para mellorar a situación dos galegos no exterior.
