O xornalismo independente salvadoreño dá voz ás nais dos presos do rexime de excepción

Galicia | Jéssica Ávalos, xornalista salvadoreña acollida estes meses no noso país polo programa Galicia Abriga, presenta esta tarde en Barcelona Mares de Març, un documental de 35 minutos que recolle as historias de catro nais salvadoreñas que piden xustiza para os seus familiares, detidos baixo o réxime de excepción vixente desde marzo de 2022.

A película, narrada en catalán, ofrece unha ollada fóra do marco que o goberno de El Salvador está a vender ao mundo, presumindo de como a “man dura” e a construcción dunha macroprisión pode acabar coa violencia nas rúas. Un modelo que mesmo están a importar outros países.

Jéssica Ávalos, xornalista con décadas de experiencia no reporteirismo e na edición de pezas de investigación, explica que as pandillas controlaron durante anos o espazo público salvadoreño, amedrentando a poboación. O rexime de excepción, vixente de xeito ininterrompido desde marzo de 2022, permitiu ao goberno centroamericano deter e manter na cadea, sen orde xudicial nin probas, a 1 de cada 70 habitantes do seu país. Esta medida, tan excepcional e agresiva, freou a violencia das pandillas e, por este motivo, conta co apoio da maioría da poboación. Porén, a falta de garantías xudiciais é un prezo moi alto e o filme pregúntase quen a está pagando.

O documental céntrase na historia de Rosa Candelaria Castro, unha muller rural de 55 anos que ten cinco familiares presos, entre eles o seu fillo, e que insiste: “eu, alá onde sexa, na China ou en Rusia, berro que a miña familia non é das pandillas”. Con ela, Lilian Urías, Ana Mercedes García e María Josefina Elías explican como as súas vidas se reorganizaron arredor dun paquete mensual de roupa branca que entregan ás cegas na ventanilla dunha prisión e como acabaron marchando ata a Corte Suprema cos movementos MOVIR e Madres por la Libertad.

Tres meses despois de dar o seu testemuño, os familiares de Rosa foron condenados en xuízos masivos, unha fórmula creada este 2026 polo goberno salvadoreño e que, segundo denuncian as organizacións de defensa dos dereitos humanos, presenta graves deficiencias no debido proceso, ao impedir individualizar as probas, ofrecer tempos moi limitados á defensa e favorecer a condena de persoas detidas arbitrariamente.

O 13 de outubro de 2026, o presidente de El Salvador declarou que o seu goberno avaliaba liberar ata o 50% dos detidos sinalados como “colaboradores” das pandillas. Tres días despois, desmentiuse e asegurou que só se revisarán casos puntuais. Segundo a Fiscalía Xeral de El Salvador, case o 90 % das preto de 93.000 persoas detidas segue sen condena.

Neste contexto, o goberno salvadoreño exerce unha enorme presión xudicial e económica sobre as e os xornalistas críticas coa súa xestión, así como sobre as súas fontes. As e os profesionais independentes sofren, asimesmo, acoso dixital, difamación e hostigamento dixital e físico, o que levou a 55 xornalistas salvadoreños ao exilio ao longo do último ano.

Deixa unha resposta

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!