O “Jazz de Ría”, unha viaxe musical de Galicia ao Perú

Galicia | Do arquivo sonoro de Alan Lomax en Galicia ás músicas chegadas do outro lado do Atlántico. O Jazz de Ría trasladará mañá xoves 13 de agosto a súa décima edición a Valdoviño cunha xornada concibida como unha pequena travesía musical e paisaxística pola costa: comezará ás 19.00 horas na praia de Pantín, avanzará a pé ata o Castro do Rodo coa intervención de Marina Vigo, Luís Bolón e Sandra Pérez e continuará ás 21.00 horas na praia do Baleo co concerto dos peruanos Alejandro y María Laura.

Trala apertura do festival en Cedeira, a segunda xornada condensará outra das ideas que definen estes dez anos de Jazz de Ría: saír dos escenarios convencionais para facer da paisaxe parte da experiencia artística. Desta volta, o público será tamén parte activa desa experiencia, percorrendo a pé un tramo do litoral de Valdoviño no que música, patrimonio, memoria e natureza irán aparecendo ao longo do camiño.

Do arquivo de Alan Lomax a un balcón sobre o Atlántico
A xornada comezará ás 19.00 horas co roteiro Balcóns ao Atlántico, que terá o punto de encontro na caseta de socorrismo da praia de Pantín. Desde alí partirá unha camiñada de aproximadamente unha hora que conducirá ao público pola costa ata o Castro do Rodo, onde terá lugar unha intervención musical de Marina Vigo á gaita, Luís Bolón á zanfona e Sandra Pérez á marimba.

A proposta conecta directamente co relato que atravesa esta décima edición. Os tres intérpretes mergullaranse no repertorio que o etnomusicólogo estadounidense Alan Lomax recolleu durante a súa viaxe por Galicia en 1952, un arquivo excepcional que conserva voces, melodías e expresións dunha cultura musical transmitida fundamentalmente de maneira oral.

Entre aqueles rexistros atópase precisamente a gravación realizada en San Miguel do Campo, en Ourense, ao afiador e capador José María Rodríguez, interpretando co seu chifre a melodía coa que anunciaba a chegada do seu oficio ás vilas. Aquel pequeno fragmento sonoro atravesaría fronteiras e linguaxes ata reaparecer anos máis tarde na trompeta de Miles Davis ao comezo de The Pan Piper, incluído no álbum Sketches of Spain.

Marina Vigo, Luís Bolón e Sandra Pérez devolverán mañá esa música ao territorio desde o presente. Gaita, zanfona e marimba revisitarán o arquivo de Lomax desde unha mirada contemporánea, explorando novas texturas e posibilidades sonoras desde instrumentos vinculados a diferentes tradicións. Un encontro entre raíz e experimentación que sintetiza unha das ideas fundamentais desta edición: entender a tradición non como un repertorio inmóbil, senón como unha materia viva capaz de viaxar, transformarse e adquirir novos significados.

A propia configuración do roteiro reforza esa relación entre música e paisaxe que caracteriza o festival. O público avanzará pola costa ata atoparse coa intervención artística nun balcón natural sobre o Atlántico, facendo que o camiño, as vistas e o patrimonio arqueolóxico formen parte da experiencia antes de continuar a xornada na praia do Baleo.

O percorrido non é circular e a volta a pé desde Baleo ata Pantín pola pista leva aproximadamente 15 minutos. Trátase dun roteiro sinxelo, aínda que polas características do camiño non está recomendado para persoas con mobilidade reducida nin para carriños de bebé, para os que a organización recomenda optar polo porteo.

De Galicia ao Perú: a viaxe continúa no Baleo
O Atlántico continuará exercendo de fío condutor ás 21.00 horas, cando a programación se traslade á praia do Baleo para recibir a Alejandro y María Laura, dúo peruano formado por Alejandro Rivas e María Laura Bustamante que converteu precisamente o tránsito entre lugares, culturas e experiencias nun dos ingredientes da súa identidade musical.

A súa proposta combina canción de autor, elementos do jazz e músicas de raíz nun formato próximo, construído arredor das voces, as guitarras e unhas letras que observan as relacións e a vida cotiá desde unha escrita íntima e recoñecible.

Ese carácter viaxeiro está especialmente presente no seu último traballo, Dos Hemisferios, nomeado nos Latin Grammy 2025 na categoría de Mellor Álbum Cantautor. Un recoñecemento que situou o dúo entre as propostas destacadas da canción iberoamericana contemporánea.

O propio título do disco resume unha traxectoria construída a ambos lados do océano. Ao longo dos anos, Alejandro y María Laura foron incorporando ás súas cancións experiencias e sonoridades recollidas en distintos lugares de Latinoamérica e Europa, facendo convivir a canción de autor con influencias do pop, o indie, o jazz e diferentes músicas de raíz.

En Dos Hemisferios esa procura tradúcese nunha sonoridade máis espida, na que as cancións e as voces ocupan o primeiro plano e se reforza a proximidade co público. O concerto no Baleo trasladará esa intimidade a un escenario aberto ao mar, nunha das actuacións que mellor representa a dimensión internacional desta décima edición do Jazz de Ría.

Así, nunha mesma tarde, o público poderá partir dunha melodía rexistrada nunha aldea ourensá hai máis de setenta anos, seguir o seu eco ata Miles Davis e rematar escoitando música creada entre Perú e Europa fronte ao Atlántico. Unha viaxe xeográfica e sonora que resume a vontade do Jazz de Ría de establecer conexións entre músicas, territorios e tempos diferentes.

O venres, 100xMILES no Pazo da Cultura de Narón
Tras a xornada de Valdoviño, o Jazz de Ría continuará o venres 14 de agosto ás 21.30 horas no Pazo da Cultura de Narón cunha das propostas creadas especificamente para celebrar o centenario do nacemento de Miles Davis. O Ensemble 100xMILES reunirá a cinco destacados músicos do jazz galego como son Ricardo Formoso, Pablo Añón, Iago Mourinho, Pablo Sanmamed e Miguel Fernández arredor dun repertorio inspirado no histórico concerto ofrecido por Davis no Olympia de París en 1960 e de pezas fundamentais do seu universo musical como Round About Midnight, Oleo ou So What.

A entrada é gratuíta con convite, que pode reservarse na billeteira do Pazo da Cultura de Narón, de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas, ou a través do teléfono 981 102 897.

O Jazz de Ría continuará ata o domingo 16 percorrendo Narón e Neda, despois das primeiras xornadas en Cedeira e Valdoviño, nunha edición que reúne artistas procedentes de Cuba, Arxentina, Perú, Palestina, Irlanda, Estados Unidos e España e coa que o festival celebra unha década construíndo encontros entre jazz, músicas de raíz, patrimonio e paisaxe.

Toda a programación, horarios e información práctica poden consultarse na web oficial do Jazz de Ría e nas redes sociais do festival.

Deixa unha resposta

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!