
Venezuela | O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, compromete a axuda da Deputación ás vítimas dos terremotos ocorridos en Venezuela. Fíxoo durante un encontro cos dirixentes das seis asociacións de venezolanos representativas da provincia, cos que mantivo un encontro no seu despacho do Pazo provincial coa intención de amosar a solidariedade da Administración provincial, de coñecer de primeira man a situación do país logo da traxedia e garantir o apoio da Deputación ás vítimas.
Durante o encontro, o mandatario provincial comprometeu a axuda da Deputación á cidadanía venezolana afectada polos dous terremotos. O organismo provincial estuda xa o mecanismo para conceder axudas dirixidas ás asociacións de venezolanos da provincia, que serán as encargadas de facer chegar o apoio da Deputación ao país suramericano para colaborar coas persoas damnificadas nas súas necesidades.

A reunión serviu tamén para coñecer de primeira man a situación de Venezuela logo dunha catástrofe que provocou o falecemento de máis de 3.500 persoas e deixou a preto de 20.000 familias sen fogar. Neste sentido, Luis López amosou a solidariedade da Deputación cun pobo tan estreitamente vencellado a Galicia como é o venezolano.
Finalmente, o presidente provincial aproveitou a visita dos representantes destes colectivos para coñecer a súa realidade e os proxectos que teñen en marcha. Ä reunión no Pazo provincial asistiron representantes de Asovedra, da Asociación de venezolanos do Deza, da Asociación de pensionistas e xubilados de Venezuela en Galicia, da Asociación venezolanos A Estrada, da Irmandade de venezolanos das Rías Baixas (Vilagarcía) e de Fevega e a Asociación de Venezolanos de Vigo.
