A poeta Olga Novo gaña o III Premio Letras Galegas Vivas

Barcelona | A Biblioteca Sabela Labraña, pertencente á Asemblea Cultural Galega de Barcelona, entregou o III Premio Letras Galegas Vivas á profesora, poeta e ensaísta Olga Novo, un recoñecemento que destaca o seu compromiso coa lingua e a cultura galegas. O acto celebrouse o 25 de abril no Ateneu Roig, sede da asociación, nun ambiente de emoción e compromiso coa lingua.

Máis de 50 persoas asistiron ao evento, que comezou cunha breve introdución sobre a historia do premio e da propia biblioteca. Acto seguido, membros de Furafollas Agrupación Teatral recitaron tres poemas de Olga Novo, dando paso á intervención de Helena González, profesora de Filoloxía Galega da Universitat de Barcelona, quen realizou unha glosa da autora na que destacou a forza e a vitalidade da súa escrita.

En palabras do xurado que a escolleu, Olga Novo é “unha muller de luz mitolóxica, argonauta na escrita”. A continuación houbo un debate co público arredor da súa poesía e da situación da lingua galega, seguido dunhas actuacións musicais. O momento central da xornada foi a entrega do galardón, unha escultura do artista Anxo Baranga inspirada no universo dos libros, símbolo do saber, da memoria e da resistencia cultural. A entrega foi complementada cun ramo de caraveis vermellos en conmemoración do aniversario da Revolución dos Caraveis.

Deixa unha resposta

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!