António Costa, presidente do Consello Europeo, recoñece que a columna racista de Rajoy durante o Mundial é “inaceptable”

Bruxelas | A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, vén de recibir a resposta oficial do presidente do Consello Europeo, António Costa, á carta enviada xunto a 22 eurodeputadas e eurodeputados o 14 de xullo na que denunciaban a tribuna de opinión do ex presidente do Goberno, Mariano Rajoy sobre a selección francesa durante a Copa do Mundo de Fútbol na que de xeito racista e xenófobo desprezaba a composición da selección nacional francesa asegurando que era de “altísimo nivel, eso si, sen franceses”.

Na misiva achegada polo equipo de Antonio Costa critícanse eses termos como “inaceptables” porque “non teñen lugar nun discurso público respectuoso”. “As preocupacións sobre a natureza racista e xenófoba desas afirmacións” escritas polo señor M. Rajoy “chamaron a atención” do presidente Costa e “foron debidamente tomadas en consideración”.

A representante do BNG, Ana Miranda, e os 22 eurodeputadas e eurodeputados enviaron unha carta a Antonio Costa, ao presidente de Francia, Emmanuel Macron, ademais de á ministra gala de Deportes, á Federación Francesa de Fútbol e á Asamblea Nacional francesa na que denunciaban que o ex presidente do Goberno español equiparase a cidadanía e a nacionalidade coa etnia ou a raza, suxerindo que a cor de pel dunha persoa ou as súas orixes familiares determinan realmente a súa pertenza. “Esa mensaxe”, criticaron na misiva, “reproduce un dos piares fundamentais do racismo contemporáneo: negar a plena cidadanía e a identidade nacional das persoas segundo os seus trazos ou orixes”.

Nun momento no a Unión Europea afronta o aumento das posturas xenófobas respecto da inmigración, como vén de acontecer na reacción de 22 Estados Membros tralo cruce da fronteira de Ceuta por miles de persoas con máis de 70 falecidas e falecidos, o equipo do presidente do Consello Europeo, Antonio Costa, denuncia que afirmacións xenófobas ou baseadas en prexuízos raciais están fora de lugar “nun discurso público respectuoso”, como debería de ser propio do ex mandatario dun Estado Membro da UE.

Neste sentido, Ana Miranda quere lembrar que a tribuna de M. Rajoy vulneraría principios democráticos básicos como a dignidade, igualdade e non discriminación, recollidos no artigo 10 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea e no artigo 21 da súa Carta de Dereitos Fundamentais.

A eurodeputada do BNG envía de novo a súa solidariedade aos xogadores da Selección nacional francesa de Fútbol, a toda a cidadanía da República francesa e ás europeas e aos europeos que seguen a sufrir discriminación e cuxa identidade nacional é cuestionada pola súa etnia ou raza, e reafirma o seu compromiso en prol dunha Europa diversa e inclusiva.

Deixa unha resposta

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!