
Argentina | Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia acaba de incorporar unha nova colección histórica procedente da diáspora galega na Arxentina: os exemplares conservados de La Voz del Centro e El Agrario, publicacións editadas en Bos Aires polo Centro de Protección Agrícola de Salceda de Caselas entre 1917 e 1926.

A colección foi prestada á Biblioteca de Galicia por un veciño do concello de Salceda de Caselas, a través da intermediación do IES Pedras Rubias desta mesma localidade. Este préstamo temporal permitiu levar a cabo a súa dixitalización e difusión pública a través de Galiciana-BDG. Trátase de tres volumes encadernados que reúnen boa parte dos 108 números publicados, aínda que faltan 27 exemplares da colección orixinal.

O proxecto permitiu incorporar a Galiciana-BDG 17 números de La Voz del Centro, cun total de 70 imaxes en formato JPEG e os seus correspondentes ficheiros en PDF, así como 64 números da súa continuación no tempo, titulada El Agrario, que supuxeron 557 imaxes e 64 PDFs.
Estas publicacións constitúen unha valiosa fonte para o estudo do asociacionismo agrario, da emigración galega en América e das redes de apoio mutuo creadas polas colectividades emigrantes. O Centro Protección Agrícola del Distrito de Salceda, fundado en Bos Aires en 1913 por emigrantes naturais da comarca, naceu co obxectivo de promover a axuda mutua entre os seus asociados e apoiar a campaña agrarista impulsada por Joaquín Fernández Sestelo, farmacéutico e activista anticaciquil salcedense.
Desde marzo de 1917, o Centro editou La Voz del Centro, publicación que continuaría posteriormente baixo o título de El Agrario ata marzo de 1926. A través das súas páxinas difundíanse ideas agraristas, información societaria e iniciativas culturais e solidarias destinadas tanto á colectividade emigrante como ao seu concello de orixe.
